CABALEIROS NEGROS

Escaiola

1915

42,5x63x18 cm

Santiago. Colección particular

Representa cinco cóengos da Catedral compostelá paseando e dialogando. Visten sotana e manto, ademais da cruz de Santiago sobre o peito. Parece ser que son retratos auténticos de Don Jerónimo Coco Morante, Don Constante Amor Naveiro -párroco de Santa María Salomé-, Don Claudio Rodríguez García, Don Manuel Caeiro Sobrado e Don Ángel Amor Ruibal.

Algúns estudosos ven ecos nesta obra da escultura Os burgueses de Calais, de Rodin. Con todo, aquí non aparece o oco dun xeito tan marcado. Ata certa altura, o grupo é compacto, agás unha figura illada, e o xogo de luces e a sinuosidade conséguese coa ondulación dos corpos dende a cintura, dende onde se viran e se separan case a modo de chamas.

A base decórase con cunchas de vieira e cruces de Santiago. Aquí aparece a seguinte inscrición "Fíxenno
en Compostela no Ano Santo de 1915" e a sinatura "Franco Asorey".

É unha das primeiras obras presentada en exposicións, como a do Salón de Humoristas de
Madrid de 1916 e a Exposición Rexional de Coruña de 1917.