Virxe dos Desamparados


VIRXE DOS DESAMPARADOS

1949

135X90X30 cm

Depósito no Museo
do Pobo Galego

Obra encargada e sufragada polo Goberno da provincia de Pontevedra para lle regalar a Eva Perón en recordo e agradecemento da súa visita a España, que será entregada polo presidente da Casa de Galicia en Bos Aires, Don Agustín Blanco, pontevedrés de nacemento.

O modelo tradicional xorde en Valencia. É a patroa da cidade de Valencia e da Comunidade Valenciana e, polo tanto, unha das sete patroas das comunidades de España.
Aparece representada cunha azucena nunha man e co Neno Xesús portando a cruz nos seus brazos. A imaxe caracterízase por ter unha lixeira inclinación cara a adiante e é por isto polo que se lle coñece cariñosamente entre os valencianos como La Geperudeta (A Corcovadiña).

Asorey cambia lixeiramente esta iconografía e dálle un sentido de unión coa súa terra de orixe, Galicia.

A obra representa a figura de María co Neno que xorde dunha peaña decorada con motivos heráldicos de Arxentina, os raios de sol. Segue un esquema marcadamente triangular. A Virxe está semisentada e frontal a modo de trono do Neno, cos brazos cara a adiante como mediadora cara a Xesús. O Neno aparece en postura de bendicir sentado nos xeonllos da súa nai e cunha actitude tenra. A figura representa unha serie de símbolos: a súa silueta é unha cruz e os seus pés cruzados lembran a Cristo crucificado.

Ambas as figuras únense e fúndense co traballo das teas en que se debuxa o anagrama da Virxe (M). O manto da Virxe lembra as capas litúrxicas.

Representa o pobo emigrante e a muller que queda coidando dos fillos.

Eva Perón queda gratamente agradecida e convida a Asorey a visitar Bos Aires, viaxe que non levará a cabo por considerala longa e pesada.