SAN CRISTOVO
Madeira policromada
1947
206x68x65
Exército de Terra. Acuartelamento de San Cristovo, Madrid
Está asinada e datada
Esta figura é unha encarga do coronel Arias Paz para a xa desaparecida Escola de Loxística do Exército de Terra. A madeira é importada e o propio Asorey vai buscala ao porto de Ferrol.
Foi exposta con grande éxito no Círculo de Belas Artes de Madrid.
Representa a San Cristovo co Neno no seu ombreiro esquerdo no momento de cruzar o río. Segue un modelo clásico, a figura presenta forma de S, o que lle proporciona un lixeiro dinamismo, acentuado polo bastón que o santo sostén en diagonal que fai que a parte superior da composición se abra en forma de V.
Destaca o estudo da anatomía do santo, toucado cunha aureola de espiñas. Cóbrese á altura da cadeira cunha roupaxe verde e dourada que se ata no ombreiro dereito cunha correa de coiro. Pola parte posterior, cae unha capa azul con adornos ocres e dourados, e con forro vermello decorado con motivos vexetais en azul claro.
Ambas as pezas lembran roupaxes litúrxicas.
A figura do Neno supón un marcado movemento ao agarrarse ao santo pasando o seu brazo dereito por diante do rostro. A súa man dereita está en actitude de bendicir, mentres que coa esquerda sostén a bóla do mundo. Está toucado cunha aureola de tres picos que fai referencia á cruz ou a unha estrela.
Entre as pernas do santo déixase entrever a paisaxe, marcada pola canle do río.