MONUMENTO AOS CAÍDOS EN ÁFRICA

Ferrol

Bronce

1951

Monumento de clara inspiración no mundo grego. A figura principal é unha Vitoria que porta orgullosa na súa man dereita a coroa de loureiro. Lembra a Vitoria de Samotracia no uso da técnica dos panos mollados; acabada de pousa no pedestal, aínda ondean as súas roupaxes cinxíndose ao corpo. Non obstante, recorre tamén a elementos contemporáneos que conectan a imaxe con obras como a Estatua da Liberdade ou a Vitoria de Turín, por medio dun claro ímpeto ascensional, unha marcada verticalidade dada polo brazo dereito e as ás apuntando ao ceo marcando unha forma de V. O seu cabelo está traballado en grandes masas a modo expresionista, mentres que o escudo coas armas da cidade evoca a arte novecentista. A figura coroa unha altísima pilastra de granito azul, cuxo capitel é obra íntegra de Manuel Barros. Está formado por nove pedras, oito decoradas con follas de acanto e unha que forma a moldura superior e cun pedestal con relevos de bronce. Na base aparecen catro cartelas con vistas panorámicas de Ceuta, Melilla, Alhucemas e o Biutz. Estas son obra do capitán de infantería de Mariña, Don Víctor Gutiérrez Jiménez. Por outra parte, a cartela dedicatoria foi feita por Sabino Rico Díaz.

Na parte baixa do núcleo central oco que leva o fuste do monumento, decidiuse colocar un pergamiño, cun xornal, planos, fotografías e moedas; todo iso, encerrado nun dobre estoxo de cristal envolto en parafina e cinc soldado.

Os traballos de fundición empezan en setembro de 1948, para os que se usaron os canóns de África, doazón do Ministerio do Exército,

A iniciativa de erixir un monumento aos ferroláns caídos en África xorde no ano 1927. A primeira proposta é facer un monumento ao Xeneral Franco, pero este declina a favor dunha obra dedicada aos falecidos. O primeiro promotor é a Xunta Directiva do Casino, que empeza a recadación de fondos a través de festivais benéficos e da subscrición popular. En 1935, e a proposta de Don José de Vierna y Belando, noméase unha comisión para activar os traballos, e esta elixe o escultor Juan Balás para executar o monumento. En 1936, a finalización da contenda e o falecemento do escultor paralizan o proxecto; con todo, a colecta segue aberta e en xaneiro de 1946 alcánzase a cifra de 25.868,18 pesetas.

En 1946, reúnese a Xunta Directiva vicepresidida por Rivero de Aguilar que acorda continuar coa actividade para a realización do monumento. Días despois, pídese nun artigo xornalístico a erección do monumento ou ben a distribución dos fondos con fins benéficos. Ante isto, a Directiva do Casino convocou a unha reunión os socios que presidiran a sociedade dende 1926 e que coñecían ben o problema, reunión da que sae unha comisión permanente formada por un representante do Concello, outro do Círculo Mercantil, outro da prensa local, outro do "C.O. das C. N. M." e da Xunta Directiva do Casino en pleno.

Celébrase así un concurso de bosquexos cuxo primeiro premio queda deserto. Polo tanto, admítese o presentado fóra de concurso, obra de Hilario Ruiz de Labourdette, en colaboración con Torrente Ballester. Comezan as obras o 4 de outubro de 1946, ata que o autor se ausenta da cidade o 21 de novembro, momento en que se iniciou a escavación e o fincado das estacas de formigón. O encargado da obra pasa a ser Manuel Barros, que se ocupa do cálculo e do despezamento, da estrutura de cemento armado e da reforma do debuxo elixido para adaptalo ás dimensións máis adecuadas.

Mentres, en Santiago, Rivero de Aguilar asina un contrato con Asorey polo cal este se comprometía a presentar dúas maquetas das cales a comisión elixiría a que considerase máis digna, así como a realización do proxecto, de 5 metros de altura e a presentación da escaiola para ser fundida en bronce. A comisión acode ao taller de Asorey e elixe o modelo que hoxe remata o monumento con lixeiros cambios, como que a coroa fose maior e que no escudo en que se apoia a Vitoria aparecesen as armas da cidade, copiadas do escudo da hoxe desaparecida Fonte de San Roque, ao parecer a máis antiga da Cidade. Mateo García de los Reyes (enxeñeiro xefe de fundición dunha importante empresa local) e Cruz Bermejo (mestre desta) indicaron as partes en que se debían dividir os moldes, que Asorey recibe en xullo de 1948.

Asorey fixo dúas reproducións en bronce da maqueta dun metro; unha é doada a Franco e outra ao Casino ferrolán.

O monumento inaugurouse o día 15 de setembro de 1949, acto presidido polo Xeneral Franco. A Armada e o Exército, alcaldes, ministros, autoridades rexionais e locais e ex-combatentes completaban o elenco de asistentes. Á altura do monumento, atopábase a Comisión en pleno co Señor Pena Gabilán, presidente do Casino en 1926; os escultores Asorey e Víctor Gutiérrez; o Enxeñeiro Dopico; o Coronel Iglesias Braje e o Concello en pleno.