MONUMENTO AO AVIADOR LORIGA

Lalín, Pontevedra

Granito e bronce

1933

Monumento custeado por subscrición popular á morte en tráxico accidente do aviador Joaquín Loriga. Antes do falecemento deste, creouse unha comisión para recadar fondos co fin de regalarlle un aeroplano. Ao coñecer a tráxica noticia da súa morte, decídese que o recadado se invista no levantamento dun monumento conmemorativo.

Asorey recorre ao esquematismo para conseguirunha forte simboloxía. As liñas rectas do avión co morro  cravado na terra forman unha cruz. Neste marco, aparece centrada a figura do aviador vestido cun sinxelo traxe de mecánico para resaltar a anatomía e non distraer con formas prescindibles. Nestes casos, Asorey fai o bosquexo da figura espida para logo vestila con sinxeleza e centra a atención nas formas substanciais. Nas mans leva as luvas e sostén a hélice, de novo unha recta, vertical, que lle achega simetría á figura (este será un recurso que o autor utiliza noutras ocasións). A cara e as mans, tranquilas e relaxadas, están executadas en bronce.

As ás do avión decóranse con relevos alusivos á fazaña de Loriga, á súa viaxe a Oceanía. E nos bloques do baseamento inclúense relevos das alegorías de España e Filipinas, en rápido voo e tocándose case as mans.

O monumento inaugúrase o 27 de agosto de 1933 coa asistencia de numerosas autoridades civís, militares e eclesiásticas, a Garda Civil, representacións do Goberno e a case totalidade dos xefes e oficiais de Aviación de España.

A concorrencia de xente foi enorme, calculáronse máis de 1000 autobuses e coches particulares. Por outra banda, 36 avións militares (27 deles procedentes de Madrid) e dúas avionetas civís sobrevoaron o monumento lanzando rosas no momento en que foi descuberto.