MONUMENTO A CURROS ENRÍQUEZ
A Coruña
Granito
1934
Este monumento faise por concurso nacional. Nun primeiro momento non foi Asorey o elixido, pero tras varias discusións e propostas foi el o encargado de levalo a termo e designouno o Alcalde e o Presidente da Academia. Foi inaugurado por Alcalá Zamora en 1934.
Destaca a combinación de grandes masas e ocos, ademais da composición cun marcado acento ascendente. O monumento contou cun orzamento de 60.000 pesetas e está inacabado, posto que só as pedras do baseamento, o seu transporte e a súa colocación levaron gran parte desta cantidade.
O marco para a composición central está formado por grandes bloques pétreos a modo de dolmens celtas, separados do centro e que achegan altura, ao que contribúe a actitude da muller cos brazos alzados.
A base é entendida para unha localización "rústica" e a auga cae polas pedras, entre cuxas gretas se sitúan
elementos típicos da flora galaica, como o millo, o toxo e o piñeiro. Ao seu lado, aparecen unhas figuras monstruosas que conectan co baseamento do Pórtico da Gloria e, no caso que nos ocupa, simbolizan os males de Galicia: o caciquismo, a usura e a inxustiza, combatidos por Curros na súa obra e na súa vida. Esmagando estes males, érguese a figura do poeta, de 3,30 metros, vestido cunha capa e coa lira nas mans, coa que buscaba "castigos prós verdugos, prós márteres coroas".
Aos seus lados, uns altorrelevos representan a vida da aldea; dun lado, aparecen os esmagados polo peso dos froitos e da dureza do traballo, os que empuñan os útiles de labranza e que se volven dando a cara ante as representacións dos impostos, avanzando con ímpeto, a Galicia loitadora. Isto acentúase co traballo enérxico dos corpos e a figura do boi, alusiva ao Universo. Ao lado oposto, atopamos a dozura representada pola agricultura e as figuras femininas encadradas pola figura do cabalo. Son unha nova apoteose da muller galega; en primeiro lugar, atopamos a nai co fillo, onde destaca o traballo dos panos cinguidos ao corpo. Tras este grupo aparecen outras dúas mulleres que representan o traballo do campo, pois portan
un xugo (algo que xa viamos en Santa) e unha fouce, ante as cales as espigas e as flores redundan no concepto do campo.
Sobre este grupo érguese a apoteose de Galicia, muller espida cos brazos elevados ao ceo. O seu torso está traballado rotundamente e é dun enorme plasticismo.
Na parte traseira, Asorey reserva un oco, enmarcado tamén por dolmens, destinado a acoller unha representación da Virxe do Cristal, que non chegou a realizarse.
A historia do monumento arrinca pouco despois da morte de Curros, posto que se solicita o traslado do cadáver dende a Habana ata A Coruña. Así, a Academia Galega e a Asociación da Prensa, presididas por Murguía e Casás respectivamente, inician as xestións para erixir un monumento a modo de
mausoleo. A Asociación de Prensa organiza unha velada necrolóxica e pon á venda os billetes de asistencia, buscando colaboracións de personalidades coma Vicenti, Linares Rivas ou Murguía. Obtivéronse finalmente 2000 pesetas cuxo destino foi iniciar a subscrición para o monumento.
Namentres nace en Bos Aires a Comisión Curros Enríquez, destinada a lle ofrecer unha póstuma homenaxe ao poeta, para o que fan un chamamento aos emigrados co fin de sumar cotas para erixir en Coruña as Escolas Curros Enríquez; finalmente, recadáronse 16.000 pesetas remitidas á Coruña. Pola súa banda, El Diario de la Marina, da Habana, inicia unha colecta para adquirir un monumento funerario ofrecido polo escultor Huertas que se localizaría no cemiterio ou nos xardíns da futura escola.
En 1908, créase na Coruña unha comisión presidida polo Alcalde Lens, a Academia Galega, a Asociación de Prensa e a Academia de Belas Artes para recadar fondos para o monumento e o grupo escolar. Ao final, non se obtiveron os resultados esperados e o proxecto quedou no esquecemento.
Máis tarde, a Academia Galega e o seu correspondente en Bos Aires, Davila, seguen tentando unificar ideas e as sumas xa recadadas. Así, en 1921 lógrase un acordo en que se establece que o diñeiro non se dedique nin a unha escola nin a un panteón, senón a un monumento para cuxa localización se propón a praza de Ourense. Ábrese un concurso de artistas españois no cal ten absoluto poder a Xunta de Goberno da Academia. O falecemento do seu presidente Murguía supón un novo atraso.
O seu sucesor, Martínez Salazar, dálle un renovado impulso ao proxecto. Así, o 27 de marzo de 1922 pídeselle ao Concello que designe a localización do monumento. As doazóns unificáronse e chegouse á cantidade de 50.744,45 pesetas.
O Concello designa en abril dese mesmo ano os Xardíns de Méndez Núñez como localización, así como o uso de granito galego para o monumento, que debe ter espazo para depositar unha urna coas cinzas do poeta. Prepáranse pois as bases do concurso. A primeira pedra colócase o 22 de xullo de 1923. Con todo, o falecemento de Salazar supón unha longuísima demora e hai que agardar a 1927. O 7 de marzo de 1927, a Xunta de Goberno da Academia, con Rodríguez González, Estrada e Martínez Moras á fronte, convoca o concurso de proxectos para o 7 de setembro e o xurado declárao deserto.
Ao ano seguinte, coincidindo co aniversario de Curros Enríquez, convócase o segundo concurso, concretamente o 11 de agosto. O xurado, composto polo Marqués de Figueroa, Sotomayor, Palacios, Lloréns e Rodríguez González, outórgalle o primeiro premio a Asorey. Asínase entón o prego de condicións, pero a obra non se conclúe no prazo previsto debido á enfermidade de Asorey, ao cambio de localización aconsellado polos técnicos, á folga de obreiros e ao gasto das 60.000 pesetas entregadas a Asorey só en pedra e man de obra. Ante estas dificultades, o Concello, con González Ferrín á fronte, fai un chamamento á Academia para que colabore economicamente, cousa que fai pagando a contía do segundo premio e achegando a cantidade que falta para a conclusión, que ten lugar en 1934.