LO JONDO

Madeira

1914

32x33X12 cm

Colección Puente Pavés

Desta obra consérvanse dous orixinais en escaiola, un nunha colección privada e outro no Museo de Pontevedra.

Asorey fai esta obra durante a súa estancia en Madrid, onde traba unha estreita amizade con Romero de Torres. O salientable desta obra é que se afasta da temática habitual do artista e isto débese ao seu coñecemento da arte costumista. Xa durante a súa estancia nas Vascongadas, fai obras que se poden enmarcar no costumismo, pero son sempre representacións de escenas reais. No caso das escenas galegas, estas son entendidas e utilizadas para enxalzar a terra e como denuncia social, aínda que noutros casos teñen un matiz humorístico. No caso desta obra, trátase dun ensaio de virtuosismo, pero entendendo a escena como algo carente de sentido (máis ben é unha sátira).

Convén destacar tamén a presenza da cavidade, fronte á robusteza e ás masas compactas que van dominar a obra de Asorey.

Representa un guitarrista sentado sobre un pedestal con grilandas laterais e un demiño, sobre os que aparece unha muller tombada en complicada torsión e sostén no seu brazo esquerdo un mantón exquisitamente traballado (do mesmo xeito que a chaqueta do home), cuxos flocos se estenden ao pedestal. No chan, na parte dereita hai unha cunca de viño.

A obra definitiva é en buxo cun pedestal de granito e está asinada, datada e dedicada "Al gran amigo José Puente Castro. Franco. Asorey 1914".