I CERTAMEN DE ESCULTURA FRANCISCO ASOREY

28.03.2014 19:56

O Certame Francisco Asorey converte Cambados na capital galega da escultura

 

      Nace con vocación de perdurar e está dotado con 6.000 euros

 

“O feito de que Cambados sexa capital da escultura galega axuda á cohesión social e cultural da nosa terra”, suliñou o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, na presentación do primeiro Certame de Escultura Francisco Asorey que se convoca para todos os artistas menores de 30 anos, galegos ou que teñan a súa residencia en Galicia. Para Lorenzo, “se hai un lugar en Galicia con ampla tradición nas artes plásticas, ese é Cambados”. Por iso e por ser o berce de Asorey, é “o lugar indicado para poñer en marcha este certame que leva o nome dun dos artistas máis sobranceiros de Galicia”.

 

No acto de presentación do certame, celebrado nos xardíns da Casa dos Fraga, estiveron presentes o alcalde de Cambados, Luis Aragunde, a presidenta da asociación Francisco Asorey, Carmen Asorey, o presidente de honra da mesma, José Manuel Asorey, o director do museo de Pontevedra, Carlos Valle, o escultor Manolo Paz, e o vicerrector de Cultura da Universidade de Santiago, Francisco Durán. Todos coincidiron no interese deste certame como plataforma onde descubrir e dar a coñecer a novos valores da escultura galega.

 

Este primeiro certame de escultura, según anunciou o alcalde, Luis Aragunde, “vai perdurar no tempo” e constará dun primeiro premio de 6.000 euros, e mais dous accésits, ós que poderán optar obras de tema libre, inéditas, orixinais e non presentadas a ningún outro certame, mostra, exposición ou exhibición pública de ningún tipo. O prazo de presentación de orixinais xa está aberto e remata o 15 de xuño, e o fallo do xurado darase a coñecer o día 2 de xullo en Cambados.

 

Carmen Asorey indicou que esta iniciativa cultural inscríbese no marco da programación de actos con motivo do 125 aniversario do nacemento do escultor cambadés. As obras a concurso poderán estar realizadas en calquera material (pedra, madeira, escaiola, barro, ferro, aceiro, etc.). O xurado estará integrado por personalidades relevantes do mundo artístico e cultural.

 

O director do Museo de Pontevedra, Carlos Valle, felicitouse pola creación deste certame e abonouse á tese de Cambados como capital da escultura, lembrando os nomes non só de Asorey, senón, ademais, de Narciso Pérez, do cal dixo que O Guerreiro Celta é un mito da arte galega, así como e Manolo Paz e Paco Leiro ós que situou no elenco dos mellores escultores non só da Península senón en termos absolutos”.

 

              As obras seleccionadas, xunto ó premio, conformarán a exposición do certame de escultura Francisco Asorey. A peza premiada pasará a ser propiedade da asociación Asorey e poderá ser destinada a ornato público en prazas ou rúas da vila de Cambados.