FILLIÑA
Madeira policromada
1948
85x55x67 cm
Dirección Provincial do Instituto Nacional da Seguridade Social. Depósito no Museo de Belas Artes da Coruña
Obra asinada e datada coa que concorre á Exposición Nacional de 1948.
Representa unha nena coa fisionomía arquetípica de Asorey -ollos azuis, pelo louro e fazulas marcadas e rosadas- preparando un pequeno altar á Virxe. Este componse dunha base traballada con motivos vexetais e da figura dunha Virxe que segue o modelo proposto por Gregorio Fernández. A vestidura branca decórase cunha coroa e o anagrama de María en dourado, con amplas mangas das que sobresaen as mans en actitude de oración, mentres que o manto é de cor azul con detalles tamén dourados. O conxunto aparece rodeado dunha grilanda de flores que parecen artificiais. Son tamén as flores as que cobren o colo da rapaza e caen a modo de grilanda polos laterais da figura. Aos lados, a nena coloca dous vasos de cinco dedos de Sargadelos cuxa decoración os sitúa na terceira etapa produtiva da fábrica.
A nena tócase cun fermosísimo pano exquisitamente traballado, que lle cobre a fronte e parte do cabelo, peiteado con dúas trenzas. Viste unha camisa clara de manga curta, corpiño e mandil en tons azuis e saia en tons avermellados decorada nos baixos con motivos florais. Calza os típicos zocos en cuxa sola Asorey utiliza cravos para lle dar maior realismo.
Nun xornal da época cóntase unha anécdota protagonizada por unha neniña e polo artista. A nena miraba a figura unha e outra vez e rodeábaa, pero sen se achegar a ela. Asorey, divertido polo que presenciaba, pregúntalle se lle gusta, ao que a nena lle responde: "Si, pero por que non anda?".
A verdade é que a historia ten o seu precedente en Miguel Ángel. Cóntase que, cando o artista rematou a figura de Moisés, quedou mirando para ela e gritoulle: "Por que non falas?". A semellanza entre as dúas
historias é evidente e xorde a cuestión de se son froito da casualidade ou, simplemente, da literatura.